A tenda outlet de Massimo Dutti situada en Allariz conta, desde agora, con maior espazo para acoller a roupa da marca, de muller e home, e con máis espazo para ofrecer unha atención personalizada á clientela que nos visita.
Integratex inaugurou as obras do segundo andar da tenda, un espazo renovado que suma 400 metros habilitados totalmente para a exposición de roupa e complementos de home, mentres que o andar inferior queda destinado a roupa de muller.
Desde que abriu este establecemento no ano 2007, na rúa Fonteiriña situada en pleno casco histórico de Allariz, Massimo Dutti converteuse nun referente no outlet alaricano que tanto público atrae de diferentes zonas de Galicia. Estas obras solucionan unha necesidade que se viña arrastrando dende hai tempo: instalacións máis amplas para facilitar a estadía da clientela.
Nos catorce anos de traxectoria, 30 persoas traballadoras pasaron polo establecemento, e destas, 24 fixeron o tránsito ao mercado ordinario. Un dos protagonistas da xornada foi Rai Domínguez, quen traballa dende a apertura e que sostén, “pensaba que non valía para o mundo da moda, e hoxe é a miña profesión e estou feliz, e na miña vila”.



